Miranda July, da performance ao videoblog (e as películas, e os libros, e a web…)

Artigos

Como veño de ler por aí, “se cadra é a única persoa no mundo que podería lexitimamente escribir na bio do seu Twitter “Escritora, autora, artista visual, dixital e de performance, directora de cine, actriz” (e por suposto, na súa bio real non pon nada semellante)”. Miranda July (Vermont, USA, 1974) é, efectivamente, todo iso, e unha das mulleres máis adoradas dos últimos anos pola escena indie, ou hipster, ou como lle vaian chamar nesta década.

Con vintepoucos anos comezou a facer performance teatral en clubs de música, compartindo escenario con bandas de rapazas como Sleater-Kinney ou Chicks on Speed. No 1998 estreou o seu primeiro traballo longo de performance, unha peza titulada Love Diamond, que ela cualificaba como “película ao vivo”, e que integraba vídeo, pintura e música en directo. Con estes elementos constitúe un circuíto de linguaxe entre a persoa e a máquina, e fai un xogo de identidades femininas tendo como protaonista unha rapaza (que podería ser o trasunto dela mesma) e a súa nai.

É unha mágoa non tela visto nin dispoñer dun vídeo enteiro, pero recomendo o comentario que desta obra fai Joan Campàs Montaner en Aura Digital.

No 2000 estreou The Swan Tool, unha nova colaboración co músico Zac Love na que tamén integra os distintos elementos multimedia na performance, e que volve contar a historia dunha muller, que neste caso non sabe se vivir ou morrer. Mentres o pensa cava unha tumba no xardín da súa casa para ver que tal é iso de enterrarse a ela mesma, e despois de enterrarse volve á súa vida e ao seu traballo nunha oficina coa espiña de non ter morto de todo, pero un pouco si. Velaquí un pequeno clip:

Ata aquí todo máis ou menos “normal” nunha artista de performance que compaxinaba o formato ao vivo coa videocreación e distintos experimentos cinematográficos. Despois aínda fixo unha serie de performances co título How I Learned To Draw, menos narrativas e nas que se buscaba máis a interacción co público. En todas aparecía ela acompañada de elementos visuais, como por exemplo o testemuño en vídeo de seus pais. Si, as tres propostas mencionadas ata agora teñen un cheiro a autoficción. Pero isto é só o comezo.

No 2005 Miranda July faise famosa, porque obtén o premio especial do xurado no festival de Sundance, e a Cámera D’Or no festival de Cannes, coa súa primeira longametraxe, Me and You and Everyone We Know. Trátase dunha comedia romántica na que July interpreta a Christine Jesperson, unha artista solitaria que gaña a vida conducindo un taxi que transporta anciáns. Aínda que aquí crea unha personaxe cun nome distinto ao dela, a arte desta tal Christine recorda moitísimo ao tipo de performance e videocreación que traballa a autora, ata o punto de que non distinguimos moi ben entre personaxe e creadora (nin falta que fai). E ademais constrúe un universo de personaxes e relacións persoais para tematizar precisamente iso, o difícil que é para moita xente relacionarse cos demais. Algunhas secuencias recordan as películas de Todd Solondz, pero o tono xeral é máis optimista e menos cruel. A película pode verse en Filmin por menos de dous euros.

Despois do éxito colleitado coa película, a Miranda July deulle tempo a escribir varios libros de relatos, facer proxectos colaborativos na web e preparar un ciclo performativo que empezou co espectáculo Things We Don’t Understand and Are Definitely Not Going To Talk About e que remata coa película que estrea agora (non sei se terá distribución en España), The Future. O filme, así como o traballo de performance anterior no que se basea, aborda dun xeito moi particular como a xeración de trintaneiros que botamos os últimos anos facendo a nosa vida practicamente en internet se enfronta a ter que madurar e tomar decisións que non tiña pensado tomar. Este é o trailer de The Future:

A web da película ofrece algúns experimentos interactivos nos que os espectadores podemos probar a ver o noso futuro, e ten un blog no que a propia July se comunica coa audiencia usando o vídeo, como chega a facer tamén no filme, e ata videochats usando Skype.

A falta de ver a peli, velaquí un descarte da mesma que é unha performance, e que non precisa moitas máis palabras, só o título: A Handy Tip for the Easily Distracted.

Non me atrevo a falar de transmedia para refererirme a este tipo de cruce entre redes e soportes para comprender o universo da película, aínda que pode que non fose tan aventurado, e en calquera caso agradéceselle á artista que non maree co palabro. Pero o que é indubidable é que July manéxase perfectamente en internet, e usa cada recurso que a rede lle ofrece de maneira moi natural, buscando sempre a complicidade e a interacción co público. E non usa tanto a web como un lugar para o narcisismo, senón para comunicarse e colaborar coa súa audiencia, cun sentimento de cercanía que se cadra só está ao alcance de artistas que, coma ela, procedan do show en directo e da performance.

E así chegamos -pasei por alto isto antes un pouco a propósito- a un dos seus experimentos que a min máis me chaman a atención: unha proposta artística, performativa e interactiva, con base na web, chamada Learning To Love You More, que durou entre o 2002 e o 2009, o cal en internet non é pouco tempo. Feita en común co artista Harrell Fletcher, os dous creadores propúñanlle ao público un total de 70 tarefas das que cada persoa que visitase o sitio podía escoller unha ou máis, facela seguindo as instruccións, e reportala cun texto, unha foto, un vídeo… As tarefas eran do tipo facer algo coas mans, entrevistar a un veterano de guerra, quitarlles unha foto aos teus pais bicándose, ou darlle un consello a ti mesma no pasado. En total participaron máis de 8000 persoas e as tarefas de cada quen quedaron gardadas e expostas colectivamente, tanto na web como en diferentes exposicións físicas ao largo dos Estados Unidos, e tamén nun libro.

A min paréceme unha obra moi bonita, tanto pola proposta como polo resultado, pola filosofía de performance colectiva entre xente que non se coñece pero para os que Miranda July supón o nodo de conexión. De novo, non en sentido narcisista -ou iso creo-, sendo a artista a que quere mirar para a performance do público e operar ela só como ideóloga ou demiurga dun universo no que se van producir unha serie de accións. Ou, poñéndonos místicos, como a sacerdotisa dunha caste de comuñón colectiva, dunha catarse emocional conxunta.

Para coñecer outras obras de Miranda July en distintos soportes non deixedes de visitar a súa web (se metedes o contrasinal secreto, claro) ou de seguir o seu blog. Tamén ten un libro de relatos traducido ao castelán co título Nadie es más de aquí que tú (Seix Barral, 2009), do que recomendo ler esta recensión que lle fixo Guillermo Altares en Babelia. Volvendo ao da autoficción (e o autobombo), déixovos cunha das últimas entradas do seu videoblog, no que anuncia a saída do seu último libro, It Chooses You, que chega ás libraría anglosaxonas nestes días.

A peza audiovisual non ten palabras (pódense ler no blog mentres se reproduce o vídeo), pero creo que todo se resume nun tweet dela de hai uns días: “It is the first book I’ve made that is non-fiction — the “I” in this case is really me”.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s